sábado, 5 de outubro de 2024

A lenda do caimán do Gafos

 O río dos Gafos sempre foi un río de lendas e historias que rulaban polos vieiros que traía e levaba o vento, e durante un tempo rulou unha que chegou a Campolongo cunha enchente do río: a lenda do Caimán do Río dos Gafos, que tiña o seu fogar no tramo cuberto do río. Eu, como partícipe indirecto dela, vou tratar de explicala. Hai tempo, o que agora é a Praza da Constitución era un verxel, unha selva para todos os rillotes da cidade, con pozas onde se escoitaban as rás e pradeiras cos grilos, relanzos do río onde pescar, vacalouras, cabaliños do demo, bolboretas, avelaíñas, donosiñas da sorte, e no ceo, os estorniños, que tiñan pensión nun palmeiral debuxando obras de arte efémeras para nós. As andoriñas daquela non emigraban, pois onde ían atopar un lugar mellor?

O lugar dos circos na cidade sempre foi o Campo da Feira, denominación popular como era coñecido polos veciños de sempre. Agora os modernos chámanlle Praza de Barcelos. Un ano, non sei os motivos, instalouse un circo nunha explanada que había onde agora está a igrexa de San Xosé. Aquel circo tiña moitos animais e moita vixilancia, e non puidemos colarnos por debaixo da lona como outras veces. Cando marchou, un rillote da pandilla, que era o máis alto e forte (algo tería que ver ser fillo de carniceiro e nós daquela non cheirabamos a carne), apareceu cunha lagartixa nas mans que, segundo el, era unha cría de caimán que fuxira dunha gaiola dun remolque do circo que levaba unha parella de caimáns. Era o máis forte e ninguén osou levalle a contraria. Despois de xogar con el, acordamos soltalo no tramo que agora está cuberto. Agora, os que sabemos da historia agardamos a que destapen o río para saber se o do caimán é lenda ou se o noso amigo dos tempos das pandillas dos días dourados da infancia tiña razón, e aquel animaliño era o Caimán do Gafos da lenda, e por fin sairá das tebras.

Outras lendas que rulan polo río, e que moitos cremos certa, é a do DEMO ASUBIADOR, e tamén a dun pintor moi famoso, para min o mellor da historia, VAN GOGH, que copiou a cor amarela da chorima, a flor do toxo, para pintar os seus famosísimos cadros dos Xirasois, a pesar de ser da terra dos tulipáns.
Así chegará a Máquina das Castañas, que carrexa o inverno das terras do Courel, onde agroman os cogomelos e os acivros adórnanse con boliñas vermellas polo Nadal. Daí tamén viña o Aguardenteiro, un personaxe entrañable, mestura de mencilleiro e druída, que, como os estorniños, xa só fica na nosa memoria.

 Sacado do artigo Unha Illa no Medio do Río de Antón Roel Villanueva