domingo, 8 de outubro de 2023

Anacos da Historia do colexio de Campolongo no seu 50º Aniversario - 1973/2023

 

Aproveitouse a celebración dos Maios para presentar esta pequena historia  do noso centro. Para a Festa da Ferraría presentouse unha selección das mesmas.

 Somos os de Campolongo
xente da Vella Estación
achegamos este Maio,
nesta enxebre tradición.

Sente pompa e fogaxe
cando chega a Ferraría
vén florido no seu carro
rezumando ardentía.

Leva ovos, leva rosas,
e  coroa  na cimeira,
as laranxas e os pampillos
e unha copla retranqueira.

Xa chegamos aos cincuenta,
estamos de aniversario
cantaremos vellos contos
repasando o calendario.

Imos  antes a contar,
que hai cantigas parir,
a manchea de historias,
non paran de concibir.

Por suposto máis de cen
non irán neste tinteiro,
as movidas na escola,
non atinan nun carreiro.

Vese  outra novidade,
onde hai moitos enlaces,
no QR  destas  coplas,
para textos con  imaxes.

Comezamos co ladrillo,
no ano setenta e dous,
é a data de remate,
conta a placa que quedou.

Pariunos a ditadura
no ano setenta e tres
directora teresiana
profesores cento tres.

Unidades  dezaseis
debuxadas no seu plano
tiña lévedo o papel
e medraban cada ano.

Con didáctica especial
principiou sendo  piloto,
grandes grupos, conferencias,
e nas misas algún voto.

Como estrelas fugaces
mudaban os profesores
con sistema de elección
de padriño ou  con flores.

Este grande movemento
provocou indignación
e formouse no colexio
a primeira asociación.

Pose, Carlos, Serafín,
con Ramón e Vitoriano
dous Antonios e un Manuel,
son os mestres daquel ano.

Chus, Pilar, Elena e Rosa ...
foron das mestras primeiras
Isaura, Carmen e Auroras,
tamén foron pioneiras.

Azucena e Pepita,
Ángeles e Marisol
con Dolores e Luísa
engádense no crisol.

Julia, Paz, Laredo e Dios,
forman parte deste elenco,
outros nomes non están,
foron chispas do evento.

Comezamos con seiscentos
era Escola Nacional
aulas preto de cincuenta
semellaba racional.

Un de sétimo, sen oitavo,
catro cursos en primeiro,
tres de sexto e segundo
cos  de cuarto e terceiro.

Fixéronse actividades,
desta primeira edición,
papadela, xogo e misa
para dar a bendición.

Do chamado balompé,
temos fotos dos atletas,
o branco e o amarelo
era a cor das camisetas.

Santi, Saha, Curri e Jaime,
José Jorge e Penedo,
o “Petete” e Santiago
forman parte do enredo.

Semellou algo  castrense
excursión a Figueirido,
o Cuartel de Campolongo
fixo mella no cumprido.

O primeiro festival,
no antigo  Espincelo,
colaborarou O Apostol,
fíxose a contrapelo.

Despois de tres duros anos
levaron  á directora,
para o Príncipe Felipe,
cidade locomotora.

No ano setenta e oito
entregouse unha PEPA
de portada un león
e por dentro moita letra.

Comezaron os oitenta
con carreira popular
inaugurando  en Rande
a ponte espectacular.

Seguían os campionatos,
agora de balonmán,
Pontevedra é canteira
Campolongo vai da man.

Pasaron por discotecas
algunhas celebracións
o Entroido foi en EQUUS,
con  troula  e cotillón.

Arrincaba coa década
a revista Esperpento,
estudando a Valle Inclán,
a historia foi crecendo.

Nas saídas Corrubedo
tivo moita aceptación,
Santiago e A Coruña
tamén eran adición.

No Nadal do oitenta e seis
acordou a gran  nevada,
Pontevedra segue a espera,
doutra enxebre nevarada.

Nas Festas de San Xosé,
repicaban as  pesetas,
dous millóns facían falta
pra bailar con pandeiretas.

Recordouse nunha Festa,
a orixe  do lugar,
Campolongo de Salcedo,
usurpada polo azar.

Requisar unha das patios,
quixeron polos noventa,
o alzamento popular,
organizouse a mantenta.

Houbo folgas e xuízos,
e tamén concentracións,
acosouse a Cuíña,
cando foi das eleccións.

Acordouse unha piscina
coa cuberta para a escola,
tamén brinca outra xente,
mesturando a coca-cola.

Polos roubos  e as desfeitas
os problemas continuaron,
a limpeza e o conserxe,
foron puntos que estimaron.

Novas folgas na palestra,
catro días sen escola,
sanidade fai listado,
e a luz ponse na cola.

Pintouse algún mural
na zona de preescolar,
outros foron de excursión,
á Barcelona do mar.

Foron sete as medallas
que trouxeron as atletas,
no galego e provincial,
despregaron as corvetas.

Os do fútbol infantil,
ían gañando primeiro,
comezaron con bo pé,
remataron no lameiro.

Campolongo inclinouse
pola única xornada
renovou con maioría
aos tres anos de probada.

Mortadelo e Axterix
gañaron na Biblioteca,
foron os libros máis lidos
segundo a hemeroteca.

Ascendeu a primeira
comentaba o alumnado
xao fixera nos setenta
este Teucro ben armado.

O ruído polas festas,
o aparcadoiro da zona
o desastre de Aznarcóllar
nas estrofas daban sona.

As ausencias do  conserxe,
o perigo dos bambáns,
a falta  de policía
crearon a Pipicán.

A revista dezaseis
levou cento doce páxinas
o encoro e a empacadora
figuraban como tráxicas.

Despois de bastantes  anos
expirou o noso chopo,
foi un novo temporal
que o deixou feito cachopos.

Naceron novos proxectos
como o de  Plantando Vida,
sementouse natureza,
apreixando  a súa benvida.

Con visitas estelares,
iniciamos o dous mil,
a de Pratos Combinados
achegouse de perfil.

Xubilouse neste chanzo
unha  mestra veterana,
entrou no setenta e tres,
era  Elena a decana.

Xunto a ela foi Teresa,
que fixo case de todo,
entrou no setenta e sete,
de xefa tocoulle  o gordo.

Era o ano dous mil dous,
o Prestige entra na escola,
recordamos as desfeitas,
o dos fíos era trola.

Arranxaron os xardíns,
no trinta aniversario
viñeron de Lourizán,
por orde do mandatario.

Até agora foran preitos,
os que saían na prensa,
coa chegada do ‘Insigne’
a publicidade foi máis densa.

Co tema do Xacobeo,
prendeu o da Camelia,
concursos e exposicións,
son en marzo unha pandemia.

Houbo música e teatro,
convivencias cos da Lama,
paseos por Pontevedra,
cos de Hío e Cabanas.

O Concello con Beléns,
San Xosé coas súas Festas,
nós en todos os concursos,
sempre houbo  recompensas.

As cancións dos meus nenos,
foi un fito musical,
Campolongo foi o berce,
desta idea orixinal.

Elena, Ruth, Blanca e Sara
todas foron ao Luar
cantaruxaron a coro
xunto con  Laura e  Mar.

Dous mil cinco e os maios
teñen unha relación
primeiras coplas rexistradas,
de Peregrina unha paixón.

Celebrou o Crespo Rivas,
vinte e cinco aniversario
con música, unha comida,
e unha charla no teatro.

Foi tamén por estas datas
a entrada na UNESCO,
as Escola Asociadas,
tiñan sona de aire fresco
 
Comeza unha campaña
para destapar o río
Campolongo toma parte,
apoiando o griterío.

Imos polo dous mil seis,
comezan extra-escolares,
ábrense a novas escolas,
para máis actividades.

O pregoeiro das Festas
foi o director da centro,
destacamos a historia
da pota coa galiña dentro.

Os problemas continúan
pola falta do bedel,
polos baños da escola,
houbo denuncia tamén.

Evacuóuse o colexio,
por conato de incendio,
achegáronse os bombeiros,
e puxeron o remedio.

Visitounos  Xavier Blanco,
dous mil sete veu con gaitas,
premios dentro dos concursos,
atletismo veu  con tracas.

Nos carteis de Nadal
este ano houbo premio
igualando a San Xosé
en diplomas e trofeo.

Aínda temos un mural,
dunha mestra gran pintora,
debuxos e algún cadro,
Carmen Liz é autora.

Entre o sete e o oito,
debateuse  o uniforme,
resolveuse o problema,
foi no curso oito-nove.

Amenizaron o curso,
Vaipolorío e Os Alegres,
con charlas e exposicións,
e con músicas enxebres.

O mural que ten os peixes,
arranxouse neste curso
trinta nen@s, dúas quendas,
remataron o debuxo.

Paseando polo Gafos,
nunha marcha educativa,
debateuse do destape,
dos terreos e da  vida.

Con teatroDe La Peña,
bisavós  e moita ciencia,
a escola escudriñou
varios temas con paciencia.

O mundo dos selos
foi unha exposición,
trouxo moitas historias,
que causaron sensación.

Castiñeiros e carballos
plantaron os do Concello
o alumnado de infantil
tamén puxo o seu empeño.

Coa chegada de Xabier,
colleu pulo o dos Maios,
con un carro especial
vaise a Festa por atallos.

Cantouse  polas rúas
O Nadal dous mil oito,
no medio dalgún ciprés,
onde houbo moito loito.

Gómez Noya  coa ONG
falounos sobre a malaria,
nós fixemos os traballos,
desta doenza urticaria.

Entramos no dous mil nove,
soerguemos o xadrez,
tivemos a gran  portada
no diario  unha vez.

Xogamos  en Portugal,
no San Telmo con medalla,
presentouse en  Cataluña,
na rúa xogouse a esgalla.

Co nome do río Ghafos,
creouse unha  bitácora
‘ene ele campolongo
expiraba como aurora.

Pouco antes xermolara
o de Campolongoteca,
Xafi era a mascota,
deste blog da biblioteca.

Foi no ano dous mil once,
cando os Xogos  Populares,
loan xunto co Concello
a  Pintos  con saudade.

Atopamos entre os vídeos,
unha obra de teatro,
Chirlo Merlo é a obra,
traballaron máis de catro.

Temos fotos deste ano,
xogando co alumnado,
na despedida de sexto,
houbo fútbol adaptado.

Con millo e con bonsáis,
e nas ciencias con diploma,
dous mil dez e dous mil once,
foi un curso con estima.

Festexamos a Quiroga,
polo seu aniversario,
xubilouse José Carlos,
e sacouse un calendario.

Corremos no Vilaverde,
fomentouse a bicicleta,
e no Conto viaxeiro,
Cheirabén era a mofeta.

Corría o dous mil doce,
e quentábase o ambiente,
a adscrición do Crespo Rivas,
pasou de morno a quente.

Cantaban  na Fraga,
o acivro e o salgueiro,
o bido e  o carballo,
xunto ó castiñeiro.

No congreso das Escolas
expuxemos os  muíños,
temos  varios polo Gafos,
algo rengos e maniños.

Construímos Enredamos
dentro da Coordinadora,
os xogos tradicionais,
foron a locomotora.

Yogote Lusofonía,
nun encontro agromou,
coa escolas da Unesco,
o patrimonio medrou.

Viñeron no dous mil trece,
Cocorico e o Espantallo,
Carrasquiña e Ranilda,
foron todo un agasallo.

Presentamos varios xogos,
de cancións en patrimonio,
coa grande asociación,
Ponte Nas Ondas da radio.

Recordamos a Sesmero,
arquitecto á mantenta,
modernizou  Pontevedra,
mil oitocentos oitenta.

Continuamos outra curta,
coa Noite da mudanzas,
de Viaxeiro  fixo O Carro,
indo a Ponte nas Ondas.

No teatro presentamos
a Amelia e a Conuco
Ratiña presumida,
e tamén a un Quirico.

O ensino de infantil,
extinguiuse este ano,
agora hai un  comedor,
no preescolar de antano.

Para o atleta Gomez Noya
foi o Premio Leixapren,
entregouse en Campolongo,
démoslle os parabéns.

Ex-alumna e triatleta
e de España campioa
Carmen Gomez Cortes,
mereceu unha coroa.

Comezaron os ensaios
dos Caminos escolares,
axudaron ao Concello
como modelo de cidade.

O encontro das Escolas
tocou en Pontevedra,
a excursión foi a Lugo,
a Muralla coas pedras.

Do Muíño de Cabanas,
temos un documental,
con cámara e director,
con rodaxe colosal.

Dous mil quince ano da luz,
foi no Conto Viaxeiro,
en Lourido coas Escolas
o Atlántico e o seu cheiro.

Nacía por estas datas,
no Concello  Ponteciencia,
nós con árbores e plantas,
traballamos a conciencia.

Con Mamasiña que medo,
e tamén con Merlo Branco,
o teatro floreceu,
con feitizo e encanto.

Houbo un Pacto Nupcial,
no Certame de relatos,
todas elas acordaron
nunca romper ese trato.

Xa pasara algún ano
da orixe de Enredos,
neste curso coas mans,
cantaruxamos cos nenos.

Co bigote de Mimi
e tamén a  Berenguela,
no dous mil dezaseis,
o teatro deixou estela.

Seguimos co Trotacontos,
argallamos  a Trompada,
Camelia foi a Cuenca,
deu alí unha palmada.

Iniciamos un proxecto,
con ADEGA polo medio,
estudamos polo río,
da botánica un compendio.

Pasamos ao dezasete,
moi prolixo na comedia,
Todo e conto, Edelmiro,
coa Historia da sobreira.

Fáltanos Carapuchiña,  
e a de insignes tsares,
unha era de cor verde,
As Laranxas de Casares.

Chegaron os Cadros Vivos
con ardente  ilusión,
foi portada da revista,
repetiuse a edición.

Premio interpretación,
déronnos na Ferraría,
nos Maios unha morea,
cantou no palco ese día.

Unhas letras polo Gafos,
coa historia de Malua,
tamén unha Regueifa,
con estrofas de censura.

No dous mil dezaoito,
pariuse un calendario,
contouse coas mulleres,
de  contexto libertario.

Bichería nos GALEFAS,
bailamos  coa Muiñeira,
Golfiños con  Esquíos,
Vagalumes  na ribeira.

Traballos  no  Dálle a lingua,
Asubios nunha Fraga,
consumiuse o Esperpento,
pasou a Vella  a  esmorga.

Con Olladas de futuro,
entramos no dezanove,
Telexornal e  Guindastre,
e o Gústame de alcouve.

De novo o relato curto,
contou sen  atafego,
unha historia de Galefas,
de mulleres con apego.

A Trompada con trofeos,
traballamos coas lendas,
houbo  Horto de cinema,
publicamos estas prendas.

Foi  moi duro de levar,
dous mil vinte coa pandemia,
traballouse  pola rede,
convivindo coa traxedia.

Até marzo non chegou,
non poder saír da casa,
a Camelia en San Xosé,
foi a primeira presa.

Outro dos máis afectados,
foi o  Carvalho Calero,
o seu Día das Letras,
teimou ser algo fulero.

Fixemos a San Silvestre,
de maneira familiar,
en grupo non se podía,
nen sequera parolar.

Cadros Vivos  a manchea,
xunto cos Experimentos,
traballaron  as familias,
nestes eximios eventos.

Dálle a lingua estimou,
falar cousas de arte,
na biblioteca o Papagaio,
da rede formou parte.

Inauguramos a Milla,
bautizada de  Saudable
todos os anos a piden,
porque senta formidable.

Deunos tempo a lucir,
os traxes na Pasarela,
con talento e humor,
facheandamos na cotela.

Xa no ano vinte un,
continuaba a pandemia,
seguían as restricións
aumentaba a blasfemia.

Os de sexto recolleron
un Premio por igualdade
multiplicaron a paz,
dividiron a maldade.

Urdiuse unha canción,
que bailaron  no Nadal,
era o rap dos de cuarto,
contra o virus un cendal.

Unha meta en cada chanzo
leva o título do proxecto,
amizade e inclusión,
igualdade e máis respecto.

As familias participan
en concursos do Concello,
polas Cores Naturais,
nun grupo houbo  premio.

Na Primavera das Letras,
acadamos un  diploma,
Xela Arias a escollida,
por poemas con aroma.

Lingua guapa audio-libro
presentaron na escola,
Nestor Rego foi con Fina,
aínda coa pandemia tola.

Cos murais escolares,
Polo Correo do Vento,
O teu cole na historia,
pasou polo noso centro.

Entramos no vinte e dous,
cunha obra de teatro,
unha nena coa lectura,
con historias  máis de catro.

Colaboran a cotío
un dos ciclos do Cantón,
imos xunto cos de Froebel,
a facer  Orientación.

Mudamos unha campaña,
das de Normalización,
Campolingua é agora,
con carteis a exhibición.

Navegamos estes anos,
coa era dixital,
foi intensa coa pandemia,
e coa aula virtual.

Recuperamos a web,
co cambio de direción,
inserimos novos xogos,
con outros de Tradición.

O Deporte e Paz
tivo boa acollida,
Brincaletras e Yogote,
camiñaban coa movida.

Superouse un cuestionario,
coa Media Maratón,
as preguntas en galego,
buscaban a solución.

Cen anos do pasamento,
Emilia Pardo Bazán,
as artes para  Laxeiro
e nas Letras  Gurriarán

Tanxugueiras  arrasou,
luciu na televisión
foi a  Palabra do ano
ser ir a Eurovisión.

Unha carta un sorriso
para o Volcán de Palma,
o caruncho rebentou,
‘Cima Vella’ sen  alma.

Magdalena con Invento,
Lurdes con publicacións,
a pandemia vai finando
veñen novas eleccións.

Estamos no vinte e tres
con novas aplicacións
Proens e Plan Dixital,
son os novos farallóns.

Amansados os escollos,
entramos no aniversario,
medio século nas costas,
ensinando o silabario.

Argallamos a pancarta,
coa mascota agraciada,
propomos actividades,
arrancamos a foliada.

O MagostoTrompada
saíron con carteleira
as medallas e o almanaque ,
con cartos da faldriqueira.

A Milla saíu por quendas,
Roscolongo  semanal,
Campolongo e Puerto Rico
fixeron o Carnaval.

Festexamos o DENEP
con yogote o seu himno,
engadimos unha estrofa,
sen facer un desatino.

Sempre temos a Camelia
antes da Festa dos Maio
o traballo con vagóns,
recordou o aniversario.

Dentro da páxina web,
ampliamos  as historias
con imaxes e lembranzas,
remexendo as  memorias.

Témonos que despedir,
dando grazas aos presentes,
nas coplas estamos todos,
incluíndo os ausentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario