mércores, 19 de agosto de 2020

A fundación da cidade de Pontevedra e o Camiño de Santiago

Fernando II Despois de varios séculos de abandono, a cidade fúndase no século XII grazas ao desenvolvemento do comercio marítimo e terrestre. Camiños e infraestruturas volven cobrar valor grazas ao auxe urbano daquel tempo. É probable que aínda existisen os restos da vella ponte romana.

O promontorio de Santa María servía de vixía para o control da ría e a ponte. Será en principio unha cidade fortaleza no contexto das loitas entre os reis do norte e o sur. Semella que os portugueses pretendían expandirse ata o Lérez.

En 1165 Fernando II e Alfonso I de Portugal asinan a Paz do Lérez sobre a vella ponte, se ben ao ano seguinte o portugués toma o castelo de Cedofeita, na actual parroquia de Lérez, que retén ata 1169, momento en que é recuperado por Fernando II.

En 1163 Fernando II dona ao mosteiro de Poio a metade da igrexa de Santa María. É o primeiro documento escrito que nos sitúa na historia. Pouco despois, en 1169, o mesmo rei de León e Galiza concede o Foro de Pontevedra, tal como recolle o documento de confirmación asinado por Alfonso X en 1264. O Foro é o recoñecemento explícito da súa condición urbana da cidade.

Na época da fundación de Pontevedra por Fernando II de Galiza, Asturias e León, (1169) remata a construción da catedral de Santiago. O Pórtico da Gloria é de 1174. Este país recibe milleiros de peregrinos.
En 1180 o rei concédelle a vila ao arcebispo de Compostela. Pontevedra vai ir converténdose nun dos máis importantes enclaves costeiros de Galiza. Chegou a ser durante o século XV a maior vila do país.
Segundo parece, as peregrinacións desde Portugal a Compostela xa viñan de tempos atrás, pero aumentan a partires do século XII, co desenvolvemento urbano e de infraestruturas.
Foi sonada a peregrinación da Raíña Santa, Isabel de Portugal, no século XIV, concretamente en 1325. Posteriormente en 1502 facía o mesmo o rei Manuel I desde Lisboa, provocando esa tendencia de peregrinaxe popular de milleiros de persoas de alén do río Miño, que continúa no día de hoxe.
No século XIX, máis do 80% dos peregrinos estranxeiros atendidos no Hospital Real compostelano son de alén do Miño.
Moitos son os persoeiros de calquera país do mundo que parten de algún lugar de Portugal para chegar a Santiago a través de Pontevedra e a famosa depresión meridiana, auténtica vía natural para percorrer de sur a norte o oeste galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario