mércores, 19 de agosto de 2020

Turoqua e a Vía XIX

Turoqua sería unha mansio ubicada perto da vía XIX. Serviría para a vixiancia, mantemento e dar acougo a transeúntes. Arqueólogos e historiadores contan que debeu ser un importante foco comercial debido aos materiais importados que se atoparon nalgúns castros da comarca (Mourente, S. Cibrán, Salcedo, Campañó, Verducido, Lérez, Maúnzos).

Os miliarios atopados no eixo norte sur axúdannos a imaxinar o poboamento destes lugares hai uns 1.800 anos: O de Hadriano en Salcedo (134), o de Maximino e Máximo en Tomeza (ano 238), o de Caracalla (214) en Alba e o de Magencio (350), en Cerponzóns.

Mentres durou o imperio romano, mantívose a infraestrutura de comunicacións uns cantos séculos máis. Despois, aquela vella Turoqua foi esmorecendo, como tamén o comercio, a seguridade, os coñecementos técnolóxicos, etc.  

Deixou de ter sentido e a xente optou por vivir nos poboados darredor, onde era máis doado cultivar e subsistir. A cidade desaparece, estímase que durante máis de 6 séculos.

VÍA XIX 

Ao chegaren ao noroeste peninsular, os romanos utilizan vellos camiños preexistentes ou naturais, como a famosa depresión meridiana, que percorre o sur do país tocando os vértices interiores das Rías Baixas.

Desde Bracara Augusta dirixíase ata Lucus Augusta e de ahí a Asturica Augusta. Braga, Lugo e Astorga. As tres capitais do noroeste romano. En total 299 millas, case 500 km.

Segundo parece, a vía chega á actual Pontevedra acompañando o río Tomeza ou dos Gafos, que deixa para continuar polo Gorgullón, Peregrina, Soportais, e chega á ponte por Real, seguindo cara ao norte pola Santiña, Alba e Cerponzóns.

Ata o século XII non volvería a rexurdir o comercio terrestre e marítimo. Con el renace o núcleo urbano no que hoxe vivimos nós. Artigos relacionados  A orixe do nome de Pontevedra . -  A fundación de Pontevedra como cidade urbana  - Ver catálogo da exposición

Ningún comentario:

Publicar un comentario