mércores, 19 de agosto de 2020

Evolución da Ponte do Burgo - Unha viaxe de 800 anos


Postal da Ponte do Burgo de Pontevedra,
 onde se atopaba un dos fielatos
 máis conflitivos do motín de 1892.
2020

A ponte que chegou a nós case non ten elementos orixinais da longa ponte que segundo apuntan todas as fontes, se construiu hai máis de 800 anos, no século XII. En 1165 Fernando II de Galiza e Alfonso I de Portugal asinan a Paz do Lérez “super flumen Lerice in vetula ponte”, polo que existiría unha vella ponte aínda que se estivese construíndo a nova. Ou non.. 

Evolución
SEIS SÉCULOS SEN USO
. Parece que a construiron perto da antiga ponte romana, que a mediados do século XII era unha ruina En 6 séculos case non tivera uso, xa que a sociedade altomedieval vivía recluída en poboados autárquicos e pouco urbanizados.

CADA VEZ MÁIS CEGA. Orixinariamente a ponte non chegaba aos 300 m, entre os estribos e a parte central. Os ensanches da vila e a procura de maior calado nun río cada vez máis cheo de sedimentos fóron obrigando a cegala cada vez máis.

NOVA INFRAESTRUTURA. O reino precisaba infraestruturas viarias para a loxística comercial dos novos portos que se ían creando. O camiño natural da depresión meridiana servía de novo para comunicarnos de norte a sur.

Foto Zagala - 1885
PERDE O PRIMEIRO OLLO. Nos séculos XVI e XV realizáronse ampliacións. Un viaxeiro hamburgués en 1494, Jerónimo Münzer, deixa escrito que Pontevedra ten unha fermosa ponte ten 14 ollos. Segundo se ten constatado, a ponte perde o seu primeiro ollo dos 15 orixinais por esa época, ao construirse un novo malecón para aumentar o calado do peirao.

ADEUS AO PETRIL. As duras inclemencias meteorolóxicas entre 1571 e 1640 (que algúns autores chamaron “pequena idade glaciar”) contribuiron a cegar e deteriorar a ponte debido aos arrastres en suspensión. Tanto foi así que en novembro de 1658 derrubouse o petril para que a auga circulase libremente sobre a ponte.

O BALDI. Sobre 1570 o mestre Mateo López acometera unha reforma, que foi a que inmortalizou Pier María Baldi en 1669 aproveitando a viaxe de Cosme III de Médicis. Entón tiña 12 arcos, os mesmos que cando en 1697 alguén describe as medidas da ponte: 158 m de longo e 3,75 de ancho.

DOCE ARCOS NO SÉCULO XVIII. En 1719 os ingleses ocuparon Pontevedra durante 10 días. Ao abandonar a cidade destrúen as torres da ponte e o edificio da cadea, que reedifican en 1750. Nese momento, o Padre Sarmiento fala dunha ponte de  construción moderna de 12 arcos.

ADEUS AO CASTELIÑO. En 1780 o arcebispo Malvar impulsa o camiño real entre Ponte Valga e Ponte Sampaio, o que supuxo o ensanche da ponte dous metros, derrubando o casteliño de entrada desde O Burgo e a propia torre da ponte.

BARANDA METÁLICA. -En 1890 volve a retirarse o petril de pedra e instalarse unha baranda metálica e incorpórase un voladizo sobre canzorriños. En 1904 faise un novo malecón e desaparecen totalmente os restos da cadea. Pouco despois, en 1915, substitúese a lousa da calzada por lastro. A historia da ponte e as súas ampliacións, chega en 2018 a un novo chanzo evolutivo. Recupera a súa camiñabilidade e incorpora elementos tan contemporáneos como a luz, convertíndose nun destacado monumento urbano que exhibirá o seu valor as 24 horas do día.

1954
A REFORMA DE 1954 -  En 1954 chega a gran reforma, que costou millón e medio de pesetas, e comezou tras construir unha pasarela de madeira para a circulación das persoas. Desmontaron toda a superestrutura da ponte, reforzaron as antigas bóvedas e construiron outras de formigón armado recuberto de sillería. Estes arcos “exteriores” que voan sobre a antiga estrutura, teñen entre 9 e 13 metros de luz, conseguindo un aspecto uniforme e de peculiar singularidade. Daquela incorporárase un alumeado de 12 farolas de esbelto fuste de formigón, con 2 lámparas cada unha, e os detalles  ecorativos de significación xacobea.


As excavacións no cabeceiro sur da Ponte do Burgo

 

As escavacións do lado sur da ponte do Burgo fóron unha espléndida fonte de información sobre a ponte, a cidade e o camiño. A historia de Pontevedra débelle moito a este lugar. Na primeira escavación (1988) apareceu sobre todo o famoso Miliario de Hadriano, datado no ano 134 da nosa era. Unha escavación suspendida precipitadamente polas autoridades da época, pero xenerosa en sobre o noso pasado. Restos de estruturas construídas nas idades media e moderna, edificios que arrodeaban a ponte, calzadas, a torre de entra  da á cidade, malecón, etc

Arco cego do portuario

Na escavación de 2006, os arqueólogos atoparon dous miliarios, un máis novo, de principios do século IV e dedicado ao emperador Maximino II, e o outro é da época do emperador Nerva, século I. Unha das estruturas máis interesantes foi o malecón portuario do século XV, un primeiro avance da cidade sobre o río. Contaba cun senlleiro arco apuntado cego. Algúns pilotes de madeira (que hoxe están protexidos por tubos de plástico) servían de soporte a unha estrutura de madeira sobre a que se realizaban os labores de estiba. Tamén fóron aparecendo restos de cerámica, sobre todo de entre os séculos XV e XVI de procedencias tan lonxanas como Sevilla, Valencia, así como moedas da época de Enrique IV ou dos Reis Católicos. Outros muros dos que as escavacións deron noticia fóron os da seguinte ampliación do peirao, no século XVI, así coma alicerces da Porta da Ponte e o seu cárcere anexo. Un camiño exterior construido con lousas de granito datouse entre os séculos XVII e XVIII, e chegou a nós perfectamente conservado.

Máis recentes son os alicerces da antiga praza de abastos, do século XIX, no solar que ocuparan a cadea e a torre da ponte. En 2006 aprovietouse a escavación para facer partícipe a veciñas e veciños dos valores da historia e a arqueoloxía, adaptando por medio de andamios o espazo escavado para explicar este interesante quilómetro cero de Pontevedra.




O mercado ou "Praza de abastos"

 Na acta municipal do 5 de marzo de 1884 pódese ler coma “unha das melloras que máis imperiosamente reclama a poboación é sen dúbida a construción dunha Praza de Abastos que satisfaga os intereses  públicos, non só polo que toca a vida e comodidade, senón tamén a hixiene e salubridade”. Unha demanda que foi satisfeita en 1885, cando se aproba e executa o proxecto encargado a Sesmero dun
mercado cuberto. O emprazamento escollido foi o solar ocupado polo vello cárcere.
Na imaxe de abaixo podemos ver o actual Mercado. Vese que houbo un pequeno desprazamento con respecto á primera ubicación.
Actualmente no segundo andar  está preparado con distintos negocios para tomar ben unha cervexa do país como unhas tapas da diferente gastronomía galega.

O cabeceiro sur da Ponte do Burgo

 A cabeceira sur da Ponte, a que toca a cidade, estivo ocupada por varios edificios ao longo do tempo. A cadea é un dos máis significativos, xa que ocupaba as prantas superiores do arco de entrada.

A fins do século XV está documentado que existía unha porta cun terreo baleiro anexo pola súa esquerda. Supónse que a porta de entrada á cidade tería un corpo defensivo superior.

En 1595 edifícase un novo presidio, que debe ser o que aparece no debuxo de Baldi de 1669. A cadea sería o edificio adosado á porta da ponte, cara á esquerda. A fins do sXVII presentaba un estado ruinoso.

Tanto a ponte como a cadea deberon ser reformados entre os séculos XVII e XVIII, e derrubados polos ingleses en 1719. En 1750 constrúese un novo complexo de porta e cadea, que tampouco dura moito.

A mediados do século XIX xa non aparece a torre nen a porta da ponte, aínda que sí o edificio anexo. Suponse que se debeu á ampliación do camiño de Santiago a Pontesampaio impulsada polo Arcebispo Malvar, e tamén á invasión francesa de 1809. A mediados do XIX trasládase ao Campo de San Xosé, onde hoxe se levanta a Audiencia.

A muralla de Pontevedra

 Entre a fundación da cidade perto daquela vella ponte romana, no século XII, e o século XV, vai desenvolvéndose a muralla, con clara función defensiva. Ao longo dos séculos e tras batallas nobiliarias, pestes, pocas de prosperidade e revolucións como a Irmandiña, a muralla vai ampliándose cara ao leste, mantendo a parte máis alta, Santa María, como vixía do último treito do Lérez.

A partires do S XV deixa de ter un carácter defensivo e pasa a ter unha función de control fiscal e sanitario. En 1850 a muralla comeza a derrubarse, como todo tipo de edificios que parecesen vellos, entre eles a igrexa de San Domingos. 
Evolución da muralla. Cando se fundou a cidade (1169) construíase a nova ponte perto da vella, a que deu orixe ao nome de Pontevedra. Desa época é o primeiro núcleo murado, entre Santa María e As Cinco Rúas. No século XIII amplíase cara ao peirao e a actual praza de Méndez Núñez grazas ao pulo das cidades costeiras galegas, onde se desnvolve a pesca. A comezos do XIV volve a ampliarse ata a Ferraría. As ordes mendicantes que se están instalando, Santa Clara, San Francisco e San Domingos, quedan fóra do recinto urbano. Despois da crise de mediados do século XIV, en que se estanca a cidade, volve a tomar músculo coa concesión da Feria Franca e o desenvolvemento comercial do SXV tras a revolta Irmandiña. Entre mediados e fins do século XV a muralla chega xa a Michelena e Cobián Roffignac. É precisamente cabo da ponte onde a muralla sofre máis modificacións, pois os constantes recheos obrigan a cambiar o curso do muro.

A importancia do mar no desenvolvemento de Pontevedra

 
Ver o catálogo da Exposición da Ponte do Burgo (2020)

A fundación da cidade de Pontevedra e o Camiño de Santiago

Fernando II Despois de varios séculos de abandono, a cidade fúndase no século XII grazas ao desenvolvemento do comercio marítimo e terrestre. Camiños e infraestruturas volven cobrar valor grazas ao auxe urbano daquel tempo. É probable que aínda existisen os restos da vella ponte romana.

O promontorio de Santa María servía de vixía para o control da ría e a ponte. Será en principio unha cidade fortaleza no contexto das loitas entre os reis do norte e o sur. Semella que os portugueses pretendían expandirse ata o Lérez.

En 1165 Fernando II e Alfonso I de Portugal asinan a Paz do Lérez sobre a vella ponte, se ben ao ano seguinte o portugués toma o castelo de Cedofeita, na actual parroquia de Lérez, que retén ata 1169, momento en que é recuperado por Fernando II.

En 1163 Fernando II dona ao mosteiro de Poio a metade da igrexa de Santa María. É o primeiro documento escrito que nos sitúa na historia. Pouco despois, en 1169, o mesmo rei de León e Galiza concede o Foro de Pontevedra, tal como recolle o documento de confirmación asinado por Alfonso X en 1264. O Foro é o recoñecemento explícito da súa condición urbana da cidade.

Na época da fundación de Pontevedra por Fernando II de Galiza, Asturias e León, (1169) remata a construción da catedral de Santiago. O Pórtico da Gloria é de 1174. Este país recibe milleiros de peregrinos.
En 1180 o rei concédelle a vila ao arcebispo de Compostela. Pontevedra vai ir converténdose nun dos máis importantes enclaves costeiros de Galiza. Chegou a ser durante o século XV a maior vila do país.
Segundo parece, as peregrinacións desde Portugal a Compostela xa viñan de tempos atrás, pero aumentan a partires do século XII, co desenvolvemento urbano e de infraestruturas.
Foi sonada a peregrinación da Raíña Santa, Isabel de Portugal, no século XIV, concretamente en 1325. Posteriormente en 1502 facía o mesmo o rei Manuel I desde Lisboa, provocando esa tendencia de peregrinaxe popular de milleiros de persoas de alén do río Miño, que continúa no día de hoxe.
No século XIX, máis do 80% dos peregrinos estranxeiros atendidos no Hospital Real compostelano son de alén do Miño.
Moitos son os persoeiros de calquera país do mundo que parten de algún lugar de Portugal para chegar a Santiago a través de Pontevedra e a famosa depresión meridiana, auténtica vía natural para percorrer de sur a norte o oeste galego.

Turoqua e a Vía XIX

Turoqua sería unha mansio ubicada perto da vía XIX. Serviría para a vixiancia, mantemento e dar acougo a transeúntes. Arqueólogos e historiadores contan que debeu ser un importante foco comercial debido aos materiais importados que se atoparon nalgúns castros da comarca (Mourente, S. Cibrán, Salcedo, Campañó, Verducido, Lérez, Maúnzos).

Os miliarios atopados no eixo norte sur axúdannos a imaxinar o poboamento destes lugares hai uns 1.800 anos: O de Hadriano en Salcedo (134), o de Maximino e Máximo en Tomeza (ano 238), o de Caracalla (214) en Alba e o de Magencio (350), en Cerponzóns.

Mentres durou o imperio romano, mantívose a infraestrutura de comunicacións uns cantos séculos máis. Despois, aquela vella Turoqua foi esmorecendo, como tamén o comercio, a seguridade, os coñecementos técnolóxicos, etc.  

Deixou de ter sentido e a xente optou por vivir nos poboados darredor, onde era máis doado cultivar e subsistir. A cidade desaparece, estímase que durante máis de 6 séculos.

VÍA XIX 

Ao chegaren ao noroeste peninsular, os romanos utilizan vellos camiños preexistentes ou naturais, como a famosa depresión meridiana, que percorre o sur do país tocando os vértices interiores das Rías Baixas.

Desde Bracara Augusta dirixíase ata Lucus Augusta e de ahí a Asturica Augusta. Braga, Lugo e Astorga. As tres capitais do noroeste romano. En total 299 millas, case 500 km.

Segundo parece, a vía chega á actual Pontevedra acompañando o río Tomeza ou dos Gafos, que deixa para continuar polo Gorgullón, Peregrina, Soportais, e chega á ponte por Real, seguindo cara ao norte pola Santiña, Alba e Cerponzóns.

Ata o século XII non volvería a rexurdir o comercio terrestre e marítimo. Con el renace o núcleo urbano no que hoxe vivimos nós. Artigos relacionados  A orixe do nome de Pontevedra . -  A fundación de Pontevedra como cidade urbana  - Ver catálogo da exposición

A orixe do nome de Pontevedra

Segundo explica Xesús Portas Ferro, “en case todos os documentos latinos dos séculos XII e XIII, o nome da vila aparece nas formas Ponteveteri e Ponte Veteri” porque os escribáns estaban calcando no seu latín unha construción romance herdada do latín vulgar. Ademais, engade que “nos documentos escritos en galego aparece soamente a forma romance Pontevedra” e, de feito, na lingua falada “o burgo nunca tivo outro nome ca o de Pontevedra”.

O topónimo Pontevedra deriva do latín PONTEM VETERAM, que significa “a ponte vella”. Refírese, polo tanto, a unha ponte que xa era antiga cando lle deron ese nome que chegou ata nós.

A orixe do nome Lérez é un misterio. Aparece con pequenas variantes en textos medievais, xa desde o  século X (910, 916…). Sabemos que vén de moi antigo e sabemos que non ten orixe no latín. É case seguro que forma parte do herdo que chegou ata nós desde as linguas indoeuropeas, anteriores ao latín.

O nome do barrio pontevedrés do Burgo ten, como Pontevedra, un significado transparente; quere dicir “arrabalde, barrio”. Vén do latín vulgar BURGUS, e este do xermánico BŬRGS que viña sendo “cidade pequena”, “forte”. 

Outras Pontevedras en Negreira e na Gudiña. Ámbalas dúas preto de leitos fluviais. A primeira a uns metros do río Tambre e a segunda á beira do Pereiro. Artigos relacionados:  Turoqua e a Vía XIX   -  A fundación da cidade de Pontevedra

  Sacado do Catálogo Exposición da Ponte do Burgo