Entre a fundación da cidade perto daquela vella ponte romana, no século XII, e o século XV, vai desenvolvéndose a muralla, con clara función defensiva. Ao longo dos séculos e tras batallas nobiliarias, pestes, pocas de prosperidade e revolucións como a Irmandiña, a muralla vai ampliándose cara ao leste, mantendo a parte máis alta, Santa María, como vixía do último treito do Lérez.
A partires do S XV deixa de ter un carácter defensivo e pasa a ter unha función de control fiscal e sanitario. En 1850 a muralla comeza a derrubarse, como todo tipo de edificios que parecesen vellos, entre eles a igrexa de San Domingos.
Evolución da muralla. Cando se fundou a cidade (1169) construíase a nova ponte perto da vella, a que deu orixe ao nome de Pontevedra. Desa época é o primeiro núcleo murado, entre Santa María e As Cinco Rúas. No século XIII amplíase cara ao peirao e a actual praza de Méndez Núñez grazas ao pulo das cidades costeiras galegas, onde se desnvolve a pesca. A comezos do XIV volve a ampliarse ata a Ferraría. As ordes mendicantes que se están instalando, Santa Clara, San Francisco e San Domingos, quedan fóra do recinto urbano. Despois da crise de mediados do século XIV, en que se estanca a cidade, volve a tomar músculo coa concesión da Feria Franca e o desenvolvemento comercial do SXV tras a revolta Irmandiña. Entre mediados e fins do século XV a muralla chega xa a Michelena e Cobián Roffignac. É precisamente cabo da ponte onde a muralla sofre máis modificacións, pois os constantes recheos obrigan a cambiar o curso do muro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario