mércores, 19 de agosto de 2020

As excavacións no cabeceiro sur da Ponte do Burgo

 

As escavacións do lado sur da ponte do Burgo fóron unha espléndida fonte de información sobre a ponte, a cidade e o camiño. A historia de Pontevedra débelle moito a este lugar. Na primeira escavación (1988) apareceu sobre todo o famoso Miliario de Hadriano, datado no ano 134 da nosa era. Unha escavación suspendida precipitadamente polas autoridades da época, pero xenerosa en sobre o noso pasado. Restos de estruturas construídas nas idades media e moderna, edificios que arrodeaban a ponte, calzadas, a torre de entra  da á cidade, malecón, etc

Arco cego do portuario

Na escavación de 2006, os arqueólogos atoparon dous miliarios, un máis novo, de principios do século IV e dedicado ao emperador Maximino II, e o outro é da época do emperador Nerva, século I. Unha das estruturas máis interesantes foi o malecón portuario do século XV, un primeiro avance da cidade sobre o río. Contaba cun senlleiro arco apuntado cego. Algúns pilotes de madeira (que hoxe están protexidos por tubos de plástico) servían de soporte a unha estrutura de madeira sobre a que se realizaban os labores de estiba. Tamén fóron aparecendo restos de cerámica, sobre todo de entre os séculos XV e XVI de procedencias tan lonxanas como Sevilla, Valencia, así como moedas da época de Enrique IV ou dos Reis Católicos. Outros muros dos que as escavacións deron noticia fóron os da seguinte ampliación do peirao, no século XVI, así coma alicerces da Porta da Ponte e o seu cárcere anexo. Un camiño exterior construido con lousas de granito datouse entre os séculos XVII e XVIII, e chegou a nós perfectamente conservado.

Máis recentes son os alicerces da antiga praza de abastos, do século XIX, no solar que ocuparan a cadea e a torre da ponte. En 2006 aprovietouse a escavación para facer partícipe a veciñas e veciños dos valores da historia e a arqueoloxía, adaptando por medio de andamios o espazo escavado para explicar este interesante quilómetro cero de Pontevedra.




Ningún comentario:

Publicar un comentario