Amosando publicacións coa etiqueta Historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Historia. Amosar todas as publicacións

sábado, 5 de outubro de 2024

A lenda do caimán do Gafos

 O río dos Gafos sempre foi un río de lendas e historias que rulaban polos vieiros que traía e levaba o vento, e durante un tempo rulou unha que chegou a Campolongo cunha enchente do río: a lenda do Caimán do Río dos Gafos, que tiña o seu fogar no tramo cuberto do río. Eu, como partícipe indirecto dela, vou tratar de explicala. Hai tempo, o que agora é a Praza da Constitución era un verxel, unha selva para todos os rillotes da cidade, con pozas onde se escoitaban as rás e pradeiras cos grilos, relanzos do río onde pescar, vacalouras, cabaliños do demo, bolboretas, avelaíñas, donosiñas da sorte, e no ceo, os estorniños, que tiñan pensión nun palmeiral debuxando obras de arte efémeras para nós. As andoriñas daquela non emigraban, pois onde ían atopar un lugar mellor?

O lugar dos circos na cidade sempre foi o Campo da Feira, denominación popular como era coñecido polos veciños de sempre. Agora os modernos chámanlle Praza de Barcelos. Un ano, non sei os motivos, instalouse un circo nunha explanada que había onde agora está a igrexa de San Xosé. Aquel circo tiña moitos animais e moita vixilancia, e non puidemos colarnos por debaixo da lona como outras veces. Cando marchou, un rillote da pandilla, que era o máis alto e forte (algo tería que ver ser fillo de carniceiro e nós daquela non cheirabamos a carne), apareceu cunha lagartixa nas mans que, segundo el, era unha cría de caimán que fuxira dunha gaiola dun remolque do circo que levaba unha parella de caimáns. Era o máis forte e ninguén osou levalle a contraria. Despois de xogar con el, acordamos soltalo no tramo que agora está cuberto. Agora, os que sabemos da historia agardamos a que destapen o río para saber se o do caimán é lenda ou se o noso amigo dos tempos das pandillas dos días dourados da infancia tiña razón, e aquel animaliño era o Caimán do Gafos da lenda, e por fin sairá das tebras.

Outras lendas que rulan polo río, e que moitos cremos certa, é a do DEMO ASUBIADOR, e tamén a dun pintor moi famoso, para min o mellor da historia, VAN GOGH, que copiou a cor amarela da chorima, a flor do toxo, para pintar os seus famosísimos cadros dos Xirasois, a pesar de ser da terra dos tulipáns.
Así chegará a Máquina das Castañas, que carrexa o inverno das terras do Courel, onde agroman os cogomelos e os acivros adórnanse con boliñas vermellas polo Nadal. Daí tamén viña o Aguardenteiro, un personaxe entrañable, mestura de mencilleiro e druída, que, como os estorniños, xa só fica na nosa memoria.

 Sacado do artigo Unha Illa no Medio do Río de Antón Roel Villanueva

luns, 26 de decembro de 2022

Alcaldes de Pontevedra

- Inocencio Acevedo Caballero: 1890

- Ángel Cobián Areal 1891/93

- Víctor Mendoza Muñoz 1894/95

- José María Riestra López: 1895/96

- Bernardo López Suárez-Cobián:  1897

- Carlos Casas Medrano 1897/98

- Pedro Martínez Casal: 1988/89

- Ernesto Caballero Bellido: 1899

- Víctor Mendoza Muñoz:  1900

- Bernardo López Suárez-Cobián: 1901/02

-  Ángel Limeses Castro 1902/04

- Bernardo López Suárez-Cobián: 1904/05

- Manuel Becerra Armesto 1905/09

- Francisco Javier Puig Llamas 1909/12

- Pedro Martínez Casal: 1912/14

- Andrés Corbal Hernández: 1914/15

- Luis Boullosa Mariño 1915/17

 - Francisco Javier Vieira Durán 1918/20

 - Avelino Silva Güimil: 1920/21

- Marcelino Candendo Paz: 1920 - 1921 e 1930

- Remigio Hevia Marinas 1928/30

- Manuel Casqueiro Paz: 1930/31

- Bibiano Fernández Osorio-Tafall 1931/34 

- Ramón Segura de la Garmilla: 1934

- Vicente Quintá Somoza 1934/36

- Tomás Abeigón Pazos : 1936

- Bibiano Fernández Osorio-Tafall: 1936

- Manuel García Filgueira 1936

- Remigio Hevia Marinas: 1936

- Remigio Hevia Marinas 1939/42

- Luis de Toledo Freire: 1943

- Luis Ponce de León Cabello: 1943/44

- Calixto González Posada: 1944/49

 - Ernesto Baltar Santaló: 1949/52

- Remigio Hevia Marinas: 1949/52,  

 - Juan Argenti Navajas: 1952/57

- Prudencio Landín Carrasco: 1857/59

 - Xosé Filgueira Valverde: 1959/68

- Ricardo García Borregón: 1968/70

- Augusto  García Sánchez: 1970/74

- Joaquín Queizán Taboada: 1974/79

- José Rivas Fontán: 1979/91

- Francisco Javier Cobián Salgado: 1991/95

- Juan Luís Pedrosa: 1995/99

- Miguel Anxo Fernández Lores: 1999/ ...

martes, 6 de decembro de 2022

Festival Ximnástico na Praza de Toros de Pontevedra.1957

 

No ano 1957 o  Instituto de Pontevedra foi proclamado Campión Nacional de Ximnasia Educativa. De volta a Pontevedra celebrouse o Festival Ximnástico que podedes ver nesta gravación orixinal como homenaxe aos que acadaron tan prezado galardón. Os trofeos pódense contemplar nas vitrinas do IES Sánchez Cantón.  O evento foi dirixido e organizado por Manuel Corrochano Gálvez.  A comunidade educativa do IES Sänchez Cantón agradece a D.Rafael Sánchez- Agustino e a Francisco e José Lorenzo Torres o feito de poder contar hoxe con tan valioso documento.    A película orixinal  foi rodada en Super8.

xoves, 18 de agosto de 2022

Cambio de nome dalgunhas prazas e rúas no tempo da II República - 1931

Como en case todos os tempos cando se producen cambios políticos ou de réximen leva consigo o cambio de denominación dalgunhas cousas, como pode ser a bandeira, o nome dalgunhas rúas, etc.  Vén a conto aquí o caso das rúas porque no ano 1931 cando gañan as elección o 12 de abril os republicanos, os novos concelleiros de Pontevedra,  Felipe Aparicio e Francisco,  fan o mesmo nas seguintas de Pontevedra: A praza de S. Xosé por Pablo Iglesias a da Peregrina será Liberdade; os xardíns e praza do Concello pasarán a nomearse República; a rúa Real pasará a Pi Margall; Alfonso XIII a Fermin Galán; rúa Peregrina a Salmerón; Princesa a Enrique Labarta; a praza da Leña a Jaime Beira; paseo Reina Vitoria a Rosalía de Castro; rúa Santa María ao 14 de abril de 1931; a da Barca a Teresa Pérez Fiota e, por último, a rúa Martitegui denominarase de Virginia González.  
 
Posterioremente cambiaron os nomes por outras razóns, exemplos: por unha visita de ourensanos cambiose a que se chamaba Praza do Parterre por Praza de Ourense. Tamén polo cambio de réxime en 1936 a Praza de san Xosé, que se chamaba nese momento de Pablo Iglesias pasa a chamarse Praza de Calvo Sotelo.  Actualmente temos varios casos que comentaremos noutro momento, na que destacamos por ser curiosa (por Decencia  e hixiene democrática), a do rei emérito, Xoan Carlos I, que agora chámase Virxinia Pereira Renda 

martes, 24 de agosto de 2021

Historia do Loro Ravachol

Corría o ano 1880 cando o farmacéutico Perfecto Feijoo voltou de Madrid tras tres anos de prácticas, e decidiu adquirir a botica da rúa Peregrina. A rebotica convertiuse de seguido nun importante punto de tertulia, onde asistirían persoeiros coma Emilia Pardo Bazán, Eugenio Montero Ríos, Práxedes Mateo Sagasta, Pablo Iglesias,ou Miguel de Unamuno. Mantivo unha intensa actividade cultural, sobre todo no eido da música tradicional galega.

O loro Ravachol (bautizado co nome do anarquista francés Ravachol), mascota de Perfecto Feijoo, era moi apreciado na cidade polos seus afamados dialogos e expresións, non sempre correctas, pois era mal falado. Tiña unha chea de frases e expresións, algunhas coma ?se collo a vara?, ?aquí non se fía?, ?vaite de aí, lambón?.

A prensa pontevedresa do 27 de xaneiro de 1913 (en especial El Diario de Pontevedra e La Correspondencia Gallega) faise eco do falecemento o día anterior do loro Ravachol. A morte de tan ilustre persoeiro provoca na sociedade pontevedresa unha profunda sensación de pesar que, unida ao xúbilo propio do tempo carnavalesco, vivido na ciudad sen actos de relevancia, induce a honralo tal como se merecía, organizando un prolongado velorio, os primeros días na botica e despois no local da Sociedad Recreo de Artesanos, e un enterro por todo o alto. Finalmente foi soterrado nunha finca que o boticario tiña en Marcón.

É partir do ano 1985 cando se recupera a súa memoria, organizándose unha incineración da súa efixie para o venres da semana de Entroido. E o venres 19 de febreiro tocou chorar pola morte do loro de máis sona do noso país. Mañá de día de loito. Morreu o loro Ravachol. Choremos todos xuntos

sábado, 22 de maio de 2021

Historia do CEP Campolongo

2020

No ano 1972, o Ministerio de Educación e Ciencia, dentro do “Plan de Urgencia para Galicia 1972”, a través da Junta de Construcciones, Instalaciones y Equipamiento Escolar, aproba a construción dun Centro Escolar en Campolongo, para impartir a  Educación Xeneral Básica (EXB). A capacidade prevista para este centro é de 16 unidades. O Ministerio responsabiliza, como Director da construción, a D. Ramón Estalella e Manso de Zúñiga.

Cartaz  1970
O día 1 de marzo do ano 1972 comenzaron  as obras de construción do edificio que axiña se   convirtirá   nun centro piloto, destinado a introducir ensinanzas e experiencias innovadoras no ámbito da educación primaria.  A data de remate das obras foi o 30 de setembro de 1972.

O centro iniciou as súas actividades no ano curso 1973/74 como un centro experimental (C.E.P.), cunha distribución  dos  espazos  adaptados para impartir sesións en macrogrupos para tratar temas xerais e con unha  metodoloxía propia, impulsada pola súa primeira Directora Teresiana, Dña. María Jesús García Sánchez, quen pretendía acercar a filosofía do centro a do Colexio Somosaguas de Madrid, considerado como un dos máis vangardistas da época. Nese  curso (1973-74)  estivo facendo as prácticas de maxisterio, a compañeira Dª  María Luísa V. V. (Marisa) , que sería mestra en Campolongo desde o curso 2008-09 até o 2019-20, curso no que se xubilou . Ela da fe que se traballou moito ese primeiro ano.

Ao longo da súa posta en marcha, o centro contou con profesorado provisional en servizos especiais, a gran maioría mestres xóvenes e procedentes dos recen renovados plans de estudo do Maxisterio, ata que no ano 1977, incorpóranse  ó centro os cinco primeiros  profesores/as  definitivos/as que obtiveron a súa praza no concurso de traslados, para logo no 1978 incorporarse dezaseis novos profesores definitivos e cesando nos seus postos os provisionais. A partir desta data e ata a actualidade, a plantilla do centro foise consolidando con profesores definitivos  con contrastada experiencia, derivada  da necesidade de ter moitos  puntos de experiencia laboral para poder achegarse ás solicitadas  prazas no centro da cidade.

Anos 70
Durante os primeiros anos de funcionamento do centro, para a formación continua do profesorado, recorriuse a prestixiosos profesores das Universidades de Madison e Stanfor de USA, así como a destacados pedagogos do momento (Postiguillo, o Padre Díaz de Rábago, ...), que impartían cursos de actualización en Campolongo.

Unha mostra do vangardismo do centro era a utilización xa no ano 1974 das novas tecnoloxías aplicadas á educación, impartíndose clases prácticas en circuíto pechado de televisión e  comezando a traballar con ordenadores  no centro. 

Despois da Lei do 70 e coa posta en marcha da LOGSE, o centro funciona cunha líña de Educación Preescolar de tres años, outra para catro  e outra para cinco anos, xuntamente con tres líñeas para toda a  E.X.B., chegando incluso a catro líneas durante máis de 10 anos, o que supoñía unha matrícula de case  mil alumnos. Para solucionar o problema da liña 4 optouse por eliminar a liña de preescolar do centro e coller só as 3 liñas de  infantil do colexio anexo ó noso  (EII Crespo Rivas). Rematou o proceso de preescolar no curso 2012-13, pasou de ser un CEIP a ser   CEP . No curso 2019-20 xa non había ningún nivel con liña catro.

Até 2019
O colexio está ubicado no  barrio de Campolongo, un dos mais modernos e o mesmo tempo con  máis historia da cidade, formando parte do parque de Campolongo, cunha longa historia pola súa relación coa antigua Estación Vella do ferrocarril, co río dos Gafos, cos seus muiños, pontes, lavadoiros, cuartel militar, etc. Actualmente funciona como un CEP (Centro de Educación  Primaria) de líña tres e cunha matrícula arredor dos 525 alumnos/as e con unha plantilla de 37 profesores, incluíndo dous profesores especialistas en Educación Física, unha profesora en Educación Musical, catro en Linguas Extranxeiras (Inglés e Francés) e tres de Relixión (unha delas pertencente o Claustro e dúas compartindo docencia con outros centros). Conta tamén con especialistas en Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, Orientadora, ademais dos servizos de unha coidadora para atender alumnos/as con necesidades educativas especiais.

Lateral Sur
Nestes momentos a plantilla do centro é equilibrada e estable, faltando por cubrirse unha praza de Especialista en E. Física e outra de P.T.con só catro profesores provisionais e unha dirección que presentou a dimisión pero aínda está en funcións, onde a media de idade é de 53,35 anos.  A actividade educativa do centro vese complementada co traballo da Asociación de Nais e Pais (ANPA) que  conta cunha cifra cercana ó 90% de asociados. O colexio está  adscrito ó Instituto Sánchez Cantón.

Panorámica 2020
As instalacións contan con unha superficie aproximada de 3.500 m2, distribuídas da seguinte maneira:

a) Edificio de Dirección-Administración cos despachos de: Dirección, Xefatura de Estudios e Secretaría; despacho de A.P.A., Biblioteca, Aula de Informática e Conserxería.

b) Edificio con dezanove aulas de Educación Primaria, Titorías por niveis, aula de P.T., aula de A.L., Departamento de Orientación, Aula de Idiomas, Aula de Audiovisuais, Sala de Usos Múltiples e Sala de Profesores.

c) Edificio  anexo utilizado como comedor. Antes  eran 3 aulas de Educación Infantil.

d) Edificio para Actividades Deportivas (Pavillón e Patio Cuberto).

e) Vivenda do Conserxe.

f) Parque infantil.

g) Patios de recreos e deportes.

h) Pistas polideportivas exteriores de uso compartido co vecindario.

ARTIGO RELACIONADO

martes, 18 de maio de 2021

Os cárceres de Pontevedra

 (Este arquivo aínda está sen rematar)

Cárcere/Audiencia

A construción deste emblemático edificio (Audiencia) foi feita entre os anos 1851-1859 (primeiro como cárcere). Pero antes deste houbo outras tales como o  cárcere arzobispal na entrada da muralla pola rúa Galera .  "A  rúa dá Galera ou Barral indica o lugar onde se situaba o vello cárcere  arzobispal. Trataríase dunha torre, que na que pola súa  parte baixa servía de porta á muralla. En Pontevedra esta tipo de edificación caeu en desuso e foi ocupada polo peso da fariña, situada na  rúa dous Caos (actual  Zapatería ou  Charino), por carecer dita  rúa de amplitude suficiente para o paso dos carros. A súa nova localización será o Cárcere Vello (na Torre arzobispal) , que o concello  arrienda coa obrigación de restaurar o inmoble.
A Parda até 1991


A publicación de tres debuxos pontevedreses de finais do século  XVI por Sebastián González García-Paz sitúa con exactitude o lugar onde se pensa levantar o novo presidio, á entrada da ponte do Burgo. Ata finais do século  XVII non se volve a ter noticias de consideración sobre este edificio; en 1697 os  mestres de cantería Antonio de Monteagudo e Alonso García de Figueroa emiten o seu xuízo sobre este edificio, levantado sobre o primeiro piar da ponte e arruinado, poñendo en perigo a estabilidade do conxunto, polo que debía ser demolido. Moi posiblemente, o cárcere foi derrubado e levantado de novo, talvez por Pedro Monteagudo, que por estas datas atopábase entretido levantando a casa do conde de Maceda, actual Parador.
Torre e Cárcere Vello

Unha nova época ábrese coa invasión inglesa de 1719, que ocasiona a destrución doutros edificios públicos da vila, como a  Maestranza (actual edificio de Belas Artes). O novo cárcere exponse en 1750. Desta nova etapa posúese o contrato de construción da nova prisión, formalizada en 1750, entre o rexemento, o apoderado  arzobispal e o  maestre de obras Pedro Antonio Ferreira, documento localizado nos fondos do Arquivo Histórico Provincial por Antonio Gil Alcántara.

Os planos que se achegan no prego de condicións presentan un edificio presidido por unha torre de dous pisos: o inferior ocupado por un arco que servía de porta á muralla; na parte superior, a capela. No chan, un rexistro para que os presos poidan atender á misa sen moverse do seu calabozo. Aos lados dunha xanela central, os escudos da vila e do arcebispo. Un corpo anexo fai a función de cárcere da cidade.

O  maestre Pedro Antonio Ferreira dá conta ao concello, en novembro de 1753, de acabar a obra e solicitar o seu recoñecemento. Pouco despois o  maestre Ferreira expón o excesivo gasto que tiveron as obras, basicamente polas levadas a cabo no estaleiro de Ferrol.

A obra de Ferreira tampouco estaba destinada a perpetuarse. Posiblemente o Camiño Real desde Compostela a Pontesampaio, emprendido polo arcebispo Malvar, que altera totalmente a ponte do Burgo, afecte ao cárcere. Tamén na súa ruína participaría a  francesada, ao  parapetarse os invasores dos campesiños en Cotobade. O certo é que, superada a contenda, en 1826, o xuíz do partido xudicial ratifica o seu mal estado. A cancelación do réxime  señorial nas Cortes de Cádiz traspasou o réxime penal á xustiza estatal. Neste ambiente aprobouse pola Real Academia de San Fernando un proxecto presentado por Melchor de Prado, en 1816, que non foi levado a cabo.

Actual prisión de A Lama

Parte do artigo foi copiado e traducido do xornal "Faro de Vigo" dun artigo de Juan Juega

 

O teu cole na historia. Coñecendo a nosa contorna

 O  colectivo Polo Correo do Vento, en colaboración co Concello de Pontevedra está a facer uns murais polos colexios co título “O teu cole na historia. Coñece a túa contorna”. No mural que pintaron no CEP Campolongo están representados O río Gafos,  A Audiencia, O Pazo e as súas pistas, A Vella Estación do tren,  Aurora Vidal, O CEP Campolongo e As Camelias.  Máis na wikipedia sobre Campolongo.

Ver o Mural na prensa  Outros murais de centros educativos:


sábado, 20 de febreiro de 2021

Aeromodelismo en Campolongo

En 1956 celebrábase nas instalacións polideportivas do expoliado Pazo dos Marqueses de Léis o Campionato Nacional de Aeromodelismo.

luns, 14 de decembro de 2020

O Meirás de Campolongo

O Pazo en Pontevedra

 Sábese, entre outras cousas,  grazas ao estudo dos seus brasóns,  que o  Pazo de Campolongo, tamén coñecido como "Pazo dos Marqueses de Leis"  ou  de  "Paco Leis" pertenceu desde o século XVI a varias familias emblemáticas de Pontevedra (De la Vega,  Cruu, Salazar, Figueroa, Montenegro e  Mendoza).  

Converteuse en 1943, baixo a ditadura do xeneral Franco, na delegación do "Frente de Xuventudes".

 

Na súa enorme leira construíronse a finais dos anos corenta unas das mellores instalacións deportivas de Galicia. (Ver record de España en Campolongo). Competía coas de Balaídos en Vigo e Riazor na Coruña. A súa vinculación co mundo do deporte non caería no esquecemento, porque as súas pistas deportivas convertéronse  xa a medidos do século XX en berce dalgúns dos mellores deportistas da época . 


O Pazo na Casa de Campo
en Madrid
A principios dos 60 e coa urbanización de Campolongo, por orden do usurpador de patrimonios,  o Pazo foi trasladado a Madrid, pedra a pedra, como pavillón de Pontevedra na Feira do Campo, que se celebraría na capital de España ata inicios dos setenta. Desde entón o Pazo, ou o que queda del, pasou por varias fases e nos últimos anos albergou un restaurante co “ enxebre”; nome de “A Casiña”.
A súa ubicación en Campolongo (Pontevedra)  sería onde esta hoxe o Instituto Nacional de Estatística .  

O río dos Gafos, testemuña dunha loita heroica (Artigo de Rafael Quintía)

 O  río Gafos foi testemuño privilexiado e actor dun dos episodios máis sanguentos da nosa historia : á Guerra da Independencia contra os franceses e ás loitas guerrilleiras que en torno á nosa vila tiveron lugar hai apenas douscentos anos. 

En xaneiro de 1809 as tropas francesas entran en Galicia. Coa batalla de Elviña —16 de xaneiro— ábrese o tempo de loitas, resistencia, guerrilla e fustrigamento constante ao que os franceses foron sometidos nos poucos meses que estiveron no noso territorio. O 21 de xaneiro os franceses preséntanse en Pontevedra, establécense na nosa cidade e comezan as extorsións e as requisas de alimentos nas aldeas veciñas. Co obxecto de controlar o territorio, os franceses despregan destacamentos na contorna de Pontevedra: na Serra da Fracha, entre as parroquias de Santa María de Tourón, San Martiño de Xustáns e Santiago de Taboadelo, na reitoral de Borela, San Xurxo de Sacos e Tenorio.

Pouco tempo fixo falla para que o pobo comezase a organizarse contra o invasor e contra os seus roubos e abusos. A primeira mostra de desobediencia dos nosos paisanos fronte ao invasor foi negarse a cumprir a orde de entregar as armas de fogo e negarse tamén a entregarlles alimentos ás tropas ocupantes. O 19 de febreiro o tenso clima estoupa e os veciños de Cotobade levántanse en armas contra o destacamento galo que ocupa a reitoral de San Xurxo de Sacos. Os franceses intentan vingarse pero espállase rapidamente o exemplo e os levantamentos e a formación de alarmas —grupos de guerrilleiros resistentes que loitan contra os franceses— corren como a pólvora. Nos seguintes días os veciños de Montes, Quireza, Baños de Cuntis, Campo e Fragas, Peñaflor, Caldas de Reis, Cambados, Vilagarcía, Sanxenxo, Cangas, Marín e toda a península do Morrazo collen as armas contra o exército galo.

As autoridades locais coa axuda das alarmas e dos guerrilleiros optan pór cerco a Pontevedra coa intención de liberala do xugo francés. Os xefes das alarmas de Cotobade, Montes e Caldevergazo deciden atacar, conxuntamente coas do Morrazo, a guarnición francesa de Pontevedra o 28 de febreiro. Os franceses, auxiliados polas tropas que xa ían camiño de Tui e que deron volta, conseguen repeler o ataque causando trinta e nove baixas entre os heroicos guerrilleiros que se ven obrigados a retirarse momentaneamente. Así se daba conta do sucedido naqueles tempos de guerra:

Con el ánimo decidido de vengarse, y acabar con tal canallada, al instante se formó un cerco, a saber: por el levante, desde la altura de la Canicouba a la de Berducido y Portela; por el poniente desde la Barca de Poyo, hasta las inmediaciones de Curro; y por el mediodía desde Marín de arriba hasta Campolongo.


Tras o intento falido de tomar Pontevedra, as partidas do Morrazo teñen que retirarse aos montes de Salcedo e Lourizán e establecen alí postos de vixilancia para avisar a todo o Morrazo en caso de ataque dos franceses. E así, apostados nos nosos cumios e fornecidos de municións polas fragatas inglesas Venus e Libeli, atracadas no porto de Marín, organizan a reconquista da vila de Pontevedra.

O cinco de marzo os guerrilleiros das parroquias de Salcedo e Lourizán e as alarmas do Morrazo volven atacar Pontevedra ao mesmo tempo que o facían, pola ponte do Burgo e cara á porta de Santa Clara, as alarmas de Cotobade, Caldevergazo, Mourente e Marcón. Os do Morrazo, ao mando de don Juan de Gago, abandonan o seu acubillo nos montes onde estaban acampados, baixan polo val de Salcedo e tras cruzaren o río de Campolongo entran polo Campo de San Xosé e chegan ata a mesmísima porta de Trabancas, na muralla da vila, onde son repelidos polos franceses que, acuartelados no convento de San Francisco, emprenden a súa persecución causando moitas baixas entre os guerrilleiros. Durante catro horas mantense o fogo entre ambos os bandos ata que os do Morrazo, esgotadas xa todas as municións, teñen que repregarse de novo ás súas bases nos montes de Salcedo e Lourizán. Os franceses, en represalia polo feroz combate, ocupan Campolongo, asasinan a todos os veciños que non puideron fuxir e queiman as casas de San Xosé. González Zúñiga na súa Historia de Pontevedra (1846) narraba así o heroico episodio e a intensidade da batalla, aínda fresca na memoria colectiva:

D. Juan Gago [...] i su segundo D. Manuel Alarcón, abanzan con sus guerrillas hasta el campo de San José. Atacados en este punto los paisanos por una columna francesa que saliera por la puerta de la Peregrina, matándole al comandante de esta la yegua que montaba, se replegan sobre el lugar de Campo-longo á donde tenían su cuartel general. Los franceses atraviesan entonces el puente de la Tablada i dejándose caer sobre el Campo-longo los paisanos parapetados con los muros ó ballados de la heredades, desde allí les hacen un horroroso fuego. Despues de dos horas de combate i vertido por una i otra parte mucha sangre, venciendo la disciplina i la tactica, á la fuerza numérica, los paisanos se retiran á los montes de donde habían descendido, volviendo á ocupar sus antiguas posiciones. Dueño el enemigo del campo de batalla, casi todas las casas del lugar de Campo-longo, despues de haber asesinado algunos enfermos que las habitaban por no haber podido abandonarlas, todas ellas fueron incendiadas, reduciendolas á cenizas la voracidad de las llamas.

Non foi esta a única batalla da que foi testemuña o río "Gafos" (Tomeza para o autor do artigo)  . O día 6 de marzo a alarma de Laxinde ataca dende os montes de San Cibrán unha columna francesa que procedente de Santiago ía dirección a Tui seguindo o camiño que discorría — onte coma hoxe— á beira do río. Ese mesmo día outra columna procedente de Vigo é atacada á altura do Gorgullón. O combate é de tal intensidade que os franceses vense obrigados a utilizar a artillería para librar o camiño e facerse paso ata o interior amurallado da vila. Pero non acaba aquí a historia.

A finais de marzo a guarnición francesa acantonada en Pontevedra vese na obriga de retirarse, quedando a cidade liberada pero a principios de abril volve ser tomada pola columna francesa do xeneral Maucunne. Tras a reconquista de Vigo o mariscal Ney, temendo perder tamén Tui, mandou unha columna de tres mil homes e algunha cabalería ao mando do xeneral Maucunne que saíndo de Santiago e pasando por Pontevedra debía dar auxilio aos soldados franceses sitiados na vila de Tui. A columna francesa chegou a Pontevedra na mañanciña do día 12 de abril, non sen ter que baterse no seu traxecto coas alarmas de guerrilleiros que rodeaban a cidade. Os guerrilleiros do Morrazo, apostados nos nosos montes e baixo o mando do citado don Juan Gago —antigo corsario de Marín—, emprenden o ataque a Pontevedra chegando, por momentos, a entrar na cidade. Os homes de Juan Gago mantiveron un intenso combate contra os franceses no barrio de Campolongo, parapetados na Ponte Bolera e no Campo de San Xosé ata que se ven na necesidade de repregárense aos montes de Salcedo. As tropas francesas sedentas de vinganza saquean casas e matan varios veciños de Campolongo e de San Blas. Así nolo contaba Pardo de Andrade:

Cargaron hacia aquel punto tanto sus fuerzas que se vieron obligados a esparcirse, quedando de nuestra parte seis muertos, tres de la de ellos con algunos heridos, y un caballo, por el que exigieron cien duros a este ayuntamiento. En seguida desahogaron su rabia, quemando cuatro casas en el mismo lugar de Campolongo, matando a un pobre enfermo, una mujer de esta villa, y otros inermes. No obstante la conveniente dispersión de los paisanos de Morrazo, los vecinos de Salcedo, apostados en diferentes puntos, mantuvieron el fuego toda aquella tarde, siendo muy de notar y alabar el valor y celo de los Presbíteros D. Manuel Acuña Conde, y D. José María Pardal, que acompañados de unos mozos de la parroquia, sostuvieron un fuego vivísimo por espacio de tres horas en el puente que llamán Bolera, o de Sucado, contra una compañía de franceses, que no pudiendo adelantar un paso retrocedieron al pueblo, bien diezmados y avergonzados.

Once guerrilleiros morrerían aquela tarde de combate entre os veciños de Salcedo e O Morrazo e o exército francés. Mentres estes sucesos acontecían no treito que o río percorre entre a Ponte da Taboada e o Gorgullón, na súa desembocadura, alí onde o río toma o nome do antigo sanatorio de leprosos —O Gafos—, as augas do río dos mil nomes presenciaban outro episodio da nosa particular Guerra de Independencia. O xornal El Patriota Compostelano, no seu número 61 do 14 de setembro de 1809 recollía a seguinte crónica:

Esteiro do río Gafos

El trece de abril
[posiblemente el doce] subieron lanchas cañoneras hasta Mollabao, a tiempo que los enemigos ocupaban Campolongo y San Roque: rompieron el fuego las cañoneras, al que correspondieron los enemigos: al cabo de cuatro horas y despues de haber desmontado un cañón enemigo, cesó el fuego de las cañonreas, a las que la marea no permitió subsistir allí por más tiempo, inmediatamente entraron partidas de guerrilleros de los paisanos de Marín e hicieron retroceder a los enemigos hasta campo de San José donde estaba el grueso de su ejército.

O día trece, xa de madrugada, a columna francesa abandona Pontevedra e continúa a súa marcha cara a Tui pero en Ponte Sampaio agardábaa o coronel Morillo con dous mil homes armados con chuzos e paus e cento cincuenta con armas de fogo. Mais esa xa é outra batalla.

Hoxe en día, agás os historiadores e algúns estudosos do tema, son poucos os veciños de Pontevedra que coñecen a crónica daqueles días de loita heroica e do que nas marxes do río Gafos aconteceu. Agora, cando xa hai moito tempo que calaron as armas e os berros, cando o cheiro da pólvora se esvaeceu no ar da historia e o sangue dos mártires foi lavado polas augas do río que os viu morrer, quizais sexa o momento de achegarse a carón do Río de Campolongo —tan tapado e esquecido como os feitos dos que foi testemuña— e, arremedando o célebre sabio Siddharta de Herann Hesse, sentar nas súas beiras e deixar que a voz sabia e anterga da auga nos volva contar a historia daqueles homes e mulleres valentes que un día decidiron xogarse todo o que tiñan, incluso a vida, por defenderen o que crían xusto...aínda que fose para devolverlle o trono a un rei máis cruel e absolutista aínda que aqueles contra os que loitaron. Pero xa se sabe, aos galegos sempre nos gustaron os ditadores e o viño feito na casa.

RAFAEL QUINTÍA  . Ver artigo na páxina de "Vaipolorío"

Este texto está incluído no Poemario do Río Gafos 


mércores, 19 de agosto de 2020

Evolución da Ponte do Burgo - Unha viaxe de 800 anos


Postal da Ponte do Burgo de Pontevedra,
 onde se atopaba un dos fielatos
 máis conflitivos do motín de 1892.
2020

A ponte que chegou a nós case non ten elementos orixinais da longa ponte que segundo apuntan todas as fontes, se construiu hai máis de 800 anos, no século XII. En 1165 Fernando II de Galiza e Alfonso I de Portugal asinan a Paz do Lérez “super flumen Lerice in vetula ponte”, polo que existiría unha vella ponte aínda que se estivese construíndo a nova. Ou non.. 

Evolución
SEIS SÉCULOS SEN USO
. Parece que a construiron perto da antiga ponte romana, que a mediados do século XII era unha ruina En 6 séculos case non tivera uso, xa que a sociedade altomedieval vivía recluída en poboados autárquicos e pouco urbanizados.

CADA VEZ MÁIS CEGA. Orixinariamente a ponte non chegaba aos 300 m, entre os estribos e a parte central. Os ensanches da vila e a procura de maior calado nun río cada vez máis cheo de sedimentos fóron obrigando a cegala cada vez máis.

NOVA INFRAESTRUTURA. O reino precisaba infraestruturas viarias para a loxística comercial dos novos portos que se ían creando. O camiño natural da depresión meridiana servía de novo para comunicarnos de norte a sur.

Foto Zagala - 1885
PERDE O PRIMEIRO OLLO. Nos séculos XVI e XV realizáronse ampliacións. Un viaxeiro hamburgués en 1494, Jerónimo Münzer, deixa escrito que Pontevedra ten unha fermosa ponte ten 14 ollos. Segundo se ten constatado, a ponte perde o seu primeiro ollo dos 15 orixinais por esa época, ao construirse un novo malecón para aumentar o calado do peirao.

ADEUS AO PETRIL. As duras inclemencias meteorolóxicas entre 1571 e 1640 (que algúns autores chamaron “pequena idade glaciar”) contribuiron a cegar e deteriorar a ponte debido aos arrastres en suspensión. Tanto foi así que en novembro de 1658 derrubouse o petril para que a auga circulase libremente sobre a ponte.

O BALDI. Sobre 1570 o mestre Mateo López acometera unha reforma, que foi a que inmortalizou Pier María Baldi en 1669 aproveitando a viaxe de Cosme III de Médicis. Entón tiña 12 arcos, os mesmos que cando en 1697 alguén describe as medidas da ponte: 158 m de longo e 3,75 de ancho.

DOCE ARCOS NO SÉCULO XVIII. En 1719 os ingleses ocuparon Pontevedra durante 10 días. Ao abandonar a cidade destrúen as torres da ponte e o edificio da cadea, que reedifican en 1750. Nese momento, o Padre Sarmiento fala dunha ponte de  construción moderna de 12 arcos.

ADEUS AO CASTELIÑO. En 1780 o arcebispo Malvar impulsa o camiño real entre Ponte Valga e Ponte Sampaio, o que supuxo o ensanche da ponte dous metros, derrubando o casteliño de entrada desde O Burgo e a propia torre da ponte.

BARANDA METÁLICA. -En 1890 volve a retirarse o petril de pedra e instalarse unha baranda metálica e incorpórase un voladizo sobre canzorriños. En 1904 faise un novo malecón e desaparecen totalmente os restos da cadea. Pouco despois, en 1915, substitúese a lousa da calzada por lastro. A historia da ponte e as súas ampliacións, chega en 2018 a un novo chanzo evolutivo. Recupera a súa camiñabilidade e incorpora elementos tan contemporáneos como a luz, convertíndose nun destacado monumento urbano que exhibirá o seu valor as 24 horas do día.

1954
A REFORMA DE 1954 -  En 1954 chega a gran reforma, que costou millón e medio de pesetas, e comezou tras construir unha pasarela de madeira para a circulación das persoas. Desmontaron toda a superestrutura da ponte, reforzaron as antigas bóvedas e construiron outras de formigón armado recuberto de sillería. Estes arcos “exteriores” que voan sobre a antiga estrutura, teñen entre 9 e 13 metros de luz, conseguindo un aspecto uniforme e de peculiar singularidade. Daquela incorporárase un alumeado de 12 farolas de esbelto fuste de formigón, con 2 lámparas cada unha, e os detalles  ecorativos de significación xacobea.


As excavacións no cabeceiro sur da Ponte do Burgo

 

As escavacións do lado sur da ponte do Burgo fóron unha espléndida fonte de información sobre a ponte, a cidade e o camiño. A historia de Pontevedra débelle moito a este lugar. Na primeira escavación (1988) apareceu sobre todo o famoso Miliario de Hadriano, datado no ano 134 da nosa era. Unha escavación suspendida precipitadamente polas autoridades da época, pero xenerosa en sobre o noso pasado. Restos de estruturas construídas nas idades media e moderna, edificios que arrodeaban a ponte, calzadas, a torre de entra  da á cidade, malecón, etc

Arco cego do portuario

Na escavación de 2006, os arqueólogos atoparon dous miliarios, un máis novo, de principios do século IV e dedicado ao emperador Maximino II, e o outro é da época do emperador Nerva, século I. Unha das estruturas máis interesantes foi o malecón portuario do século XV, un primeiro avance da cidade sobre o río. Contaba cun senlleiro arco apuntado cego. Algúns pilotes de madeira (que hoxe están protexidos por tubos de plástico) servían de soporte a unha estrutura de madeira sobre a que se realizaban os labores de estiba. Tamén fóron aparecendo restos de cerámica, sobre todo de entre os séculos XV e XVI de procedencias tan lonxanas como Sevilla, Valencia, así como moedas da época de Enrique IV ou dos Reis Católicos. Outros muros dos que as escavacións deron noticia fóron os da seguinte ampliación do peirao, no século XVI, así coma alicerces da Porta da Ponte e o seu cárcere anexo. Un camiño exterior construido con lousas de granito datouse entre os séculos XVII e XVIII, e chegou a nós perfectamente conservado.

Máis recentes son os alicerces da antiga praza de abastos, do século XIX, no solar que ocuparan a cadea e a torre da ponte. En 2006 aprovietouse a escavación para facer partícipe a veciñas e veciños dos valores da historia e a arqueoloxía, adaptando por medio de andamios o espazo escavado para explicar este interesante quilómetro cero de Pontevedra.




O mercado ou "Praza de abastos"

 Na acta municipal do 5 de marzo de 1884 pódese ler coma “unha das melloras que máis imperiosamente reclama a poboación é sen dúbida a construción dunha Praza de Abastos que satisfaga os intereses  públicos, non só polo que toca a vida e comodidade, senón tamén a hixiene e salubridade”. Unha demanda que foi satisfeita en 1885, cando se aproba e executa o proxecto encargado a Sesmero dun
mercado cuberto. O emprazamento escollido foi o solar ocupado polo vello cárcere.
Na imaxe de abaixo podemos ver o actual Mercado. Vese que houbo un pequeno desprazamento con respecto á primera ubicación.
Actualmente no segundo andar  está preparado con distintos negocios para tomar ben unha cervexa do país como unhas tapas da diferente gastronomía galega.

O cabeceiro sur da Ponte do Burgo

 A cabeceira sur da Ponte, a que toca a cidade, estivo ocupada por varios edificios ao longo do tempo. A cadea é un dos máis significativos, xa que ocupaba as prantas superiores do arco de entrada.

A fins do século XV está documentado que existía unha porta cun terreo baleiro anexo pola súa esquerda. Supónse que a porta de entrada á cidade tería un corpo defensivo superior.

En 1595 edifícase un novo presidio, que debe ser o que aparece no debuxo de Baldi de 1669. A cadea sería o edificio adosado á porta da ponte, cara á esquerda. A fins do sXVII presentaba un estado ruinoso.

Tanto a ponte como a cadea deberon ser reformados entre os séculos XVII e XVIII, e derrubados polos ingleses en 1719. En 1750 constrúese un novo complexo de porta e cadea, que tampouco dura moito.

A mediados do século XIX xa non aparece a torre nen a porta da ponte, aínda que sí o edificio anexo. Suponse que se debeu á ampliación do camiño de Santiago a Pontesampaio impulsada polo Arcebispo Malvar, e tamén á invasión francesa de 1809. A mediados do XIX trasládase ao Campo de San Xosé, onde hoxe se levanta a Audiencia.

A muralla de Pontevedra

 Entre a fundación da cidade perto daquela vella ponte romana, no século XII, e o século XV, vai desenvolvéndose a muralla, con clara función defensiva. Ao longo dos séculos e tras batallas nobiliarias, pestes, pocas de prosperidade e revolucións como a Irmandiña, a muralla vai ampliándose cara ao leste, mantendo a parte máis alta, Santa María, como vixía do último treito do Lérez.

A partires do S XV deixa de ter un carácter defensivo e pasa a ter unha función de control fiscal e sanitario. En 1850 a muralla comeza a derrubarse, como todo tipo de edificios que parecesen vellos, entre eles a igrexa de San Domingos. 
Evolución da muralla. Cando se fundou a cidade (1169) construíase a nova ponte perto da vella, a que deu orixe ao nome de Pontevedra. Desa época é o primeiro núcleo murado, entre Santa María e As Cinco Rúas. No século XIII amplíase cara ao peirao e a actual praza de Méndez Núñez grazas ao pulo das cidades costeiras galegas, onde se desnvolve a pesca. A comezos do XIV volve a ampliarse ata a Ferraría. As ordes mendicantes que se están instalando, Santa Clara, San Francisco e San Domingos, quedan fóra do recinto urbano. Despois da crise de mediados do século XIV, en que se estanca a cidade, volve a tomar músculo coa concesión da Feria Franca e o desenvolvemento comercial do SXV tras a revolta Irmandiña. Entre mediados e fins do século XV a muralla chega xa a Michelena e Cobián Roffignac. É precisamente cabo da ponte onde a muralla sofre máis modificacións, pois os constantes recheos obrigan a cambiar o curso do muro.