sábado, 22 de maio de 2021

Historia do CEP Campolongo

2020

No ano 1972, o Ministerio de Educación e Ciencia, dentro do “Plan de Urgencia para Galicia 1972”, a través da Junta de Construcciones, Instalaciones y Equipamiento Escolar, aproba a construción dun Centro Escolar en Campolongo, para impartir a  Educación Xeneral Básica (EXB). A capacidade prevista para este centro é de 16 unidades. O Ministerio responsabiliza, como Director da construción, a D. Ramón Estalella e Manso de Zúñiga.

Cartaz  1970
O día 1 de marzo do ano 1972 comenzaron  as obras de construción do edificio que axiña se   convirtirá   nun centro piloto, destinado a introducir ensinanzas e experiencias innovadoras no ámbito da educación primaria.  A data de remate das obras foi o 30 de setembro de 1972.

O centro iniciou as súas actividades no ano 1973 como un centro experimental (C.E.P.), cunha distribución  dos  espazos  adaptados para impartir sesións en macrogrupos para tratar temas xerais e con unha  metodoloxía propia, impulsada pola súa primeira Directora Teresiana, Dña. María Jesús García Sánchez, quen pretendía acercar a filosofía do centro a do Colexio Somosaguas de Madrid, considerado como un dos máis vangardistas da época. Nese  curso (1973-74)  estivo facendo as prácticas de maxisterio, a compañeira Dª  María Luísa V. V. (Marisa) , que sería mestra en Campolongo desde o curso 2008-09 até o 2019-20, curso no que se xubilou . Ela da fe que se traballou moito ese primeiro ano.

Ao longo da súa posta en marcha, o centro contou con profesorado provisional en servizos especiais, a gran maioría mestres xóvenes e procedentes dos recen renovados plans de estudo do Maxisterio, ata que no ano 1977, incorpóranse  ó centro os cinco primeiros  profesores/as  definitivos/as que obtiveron a súa praza no concurso de traslados, para logo no 1978 incorporarse dezaseis novos profesores definitivos e cesando nos seus postos os provisionais. A partir desta data e ata a actualidade, a plantilla do centro foise consolidando con profesores definitivos  con contrastada experiencia, derivada  da necesidade de ter moitos  puntos de experiencia laboral para poder achegarse ás solicitadas  prazas no centro da cidade.

Anos 70
Durante os primeiros anos de funcionamento do centro, para a formación continua do profesorado, recorriuse a prestixiosos profesores das Universidades de Madison e Stanfor de USA, así como a destacados pedagogos do momento (Postiguillo, o Padre Díaz de Rábago, ...), que impartían cursos de actualización en Campolongo.

Unha mostra do vangardismo do centro era a utilización xa no ano 1974 das novas tecnoloxías aplicadas á educación, impartíndose clases prácticas en circuíto pechado de televisión e  comezando a traballar con ordenadores  no centro. 

Despois da Lei do 70 e coa posta en marcha da LOGSE, o centro funciona cunha líña de Educación Preescolar de tres años, outra para catro  e outra para cinco anos, xuntamente con tres líñeas para toda a  E.X.B., chegando incluso a catro líneas durante máis de 10 anos, o que supoñía unha matrícula de case  mil alumnos. Para solucionar o problema da liña 4 optouse por eliminar a liña de preescolar do centro e coller só as 3 liñas de  infantil do colexio anexo ó noso  (EII Crespo Rivas). Rematou o proceso de preescolar no curso 2012-13, pasou de ser un CEIP a ser   CEP . No curso 2019-20 xa non había ningún nivel con liña catro.

Até 2019
O colexio está ubicado no  barrio de Campolongo, un dos mais modernos e o mesmo tempo con  máis historia da cidade, formando parte do parque de Campolongo, cunha longa historia pola súa relación coa antigua Estación Vella do ferrocarril, co río dos Gafos, cos seus muiños, pontes, lavadoiros, cuartel militar, etc. Actualmente funciona como un CEP (Centro de Educación  Primaria) de líña tres e cunha matrícula arredor dos 525 alumnos/as e con unha plantilla de 37 profesores, incluíndo dous profesores especialistas en Educación Física, unha profesora en Educación Musical, catro en Linguas Extranxeiras (Inglés e Francés) e tres de Relixión (unha delas pertencente o Claustro e dúas compartindo docencia con outros centros). Conta tamén con especialistas en Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, Orientadora, ademais dos servizos de unha coidadora para atender alumnos/as con necesidades educativas especiais.

Lateral Sur
Nestes momentos a plantilla do centro é equilibrada e estable, faltando por cubrirse unha praza de Especialista en E. Física e outra de P.T.con só catro profesores provisionais e unha dirección que presentou a dimisión pero aínda está en funcións, onde a media de idade é de 53,35 anos.  A actividade educativa do centro vese complementada co traballo da Asociación de Nais e Pais (ANPA) que  conta cunha cifra cercana ó 90% de asociados. O colexio está  adscrito ó Instituto Sánchez Cantón.

Panorámica 2020
As instalacións contan con unha superficie aproximada de 3.500 m2, distribuídas da seguinte maneira:

a) Edificio de Dirección-Administración cos despachos de: Dirección, Xefatura de Estudios e Secretaría; despacho de A.P.A., Biblioteca, Aula de Informática e Conserxería.

b) Edificio con dezanove aulas de Educación Primaria, Titorías por niveis, aula de P.T., aula de A.L., Departamento de Orientación, Aula de Idiomas, Aula de Audiovisuais, Sala de Usos Múltiples e Sala de Profesores.

c) Edificio  anexo utilizado como comedor. Antes  eran 3 aulas de Educación Infantil.

d) Edificio para Actividades Deportivas (Pavillón e Patio Cuberto).

e) Vivenda do Conserxe.

f) Parque infantil.

g) Patios de recreos e deportes.

h) Pistas polideportivas exteriores de uso compartido co vecindario.

ARTIGO RELACIONADO

Ningún comentario:

Publicar un comentario