sábado, 7 de novembro de 2015

O PRIMEIRO ANUNCIO EN GALEGO HAI 139 ANOS.


Os primeiros anuncios en galego publicáronse no periódico ourensán O Tío Marcos d'A Portela. Foi un 5 de novembro de 1876 cando se publicou un anuncio da coñecida empresa de máquinas de coser Singer. Pasaron 139 anos e aínda custa atopar anuncios publicitarios de empresas en galego. Moito temos que agradecer ao Tío Marcos da Portela, a primeira publicación periódica enteiramente en galego. A súa incidencia social foi moi grande, sobre todo no mundo rural. Na cabeceira do periódico figuraba o seguinte: “Os mandamentos do Marcos fora da eirexa son seis: facer a todos xustiza, non casarse con ninguén, falar o galego enxebre, cumprir co que manda a lei, loitar polo noso adianto con entusiasmo e con fe, vestir calzóns e monteira”.

Queda claro que un dos eixos desta publicación foi a defensa da lingua do país. No Tío Marcos da Portela escribiron algunhas das figuras máis importantes do momento: Francisco Añón, Curros Enríquez, Pondal, Manuel Lugrís Freire ou Eladio Rodríguez, entre outras.
Continuando co precedente iniciado n'O Tio Marcos d'A Portela, a publicidade comezou a estar presente en todos os periódicos. Merece salientar o Almanaque Gallego editado na Coruña en 1894, unha publicación que reservou vinte e cinco páxinas exclusivamente para anuncios en galego. Había anuncios en galego de bares, reloxerías, librarías, adegas, casas de comidas, médicos, dentistas, oculistas ou mesmo compañías de seguros.
Mágoa que pasado case un século e medio esteamos, en canto a publicidade en galego nos xornais se refire, moito peor. Haberá que seguir traballando e achegando cadaquén o seu gran de area para mellorar esta triste situación. E, por suposto, nunca esquecer que a loita comezou hai moito, moito tempo en persoas como o ourensán Valentín Lamas Carvajal co Tío Marcos da Portela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario